CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para a execución de medidas de investimentos no sector vitivinícola en Galicia establecidas no programa de apoio 2019-2023 ao sector vitivinícola español e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2019.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As empresas vitivinícolas que no momento da solicitude produzan ou comercialicen os produtos mencionados no anexo VII parte II do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, producidos en territorio español, ou que, como consecuencia da execución da operación obxecto da solicitude de axuda, comencen esa produción ou comercialización. Para estes efectos entenderase como empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan actividades a título individual, as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular. As comunidades de bens quedan incluídas na definición de empresa. As empresas deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.
b) As organizacións de produtores vitivinícolas, recoñecidas consonte o artigo 152 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.
c) As asociacións de dous ou máis produtores, con personalidade xurídica, dos produtos mencionados no anexo VII parte II do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.
d) As organizacións interprofesionais.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria comenza o día seguinte ao de publicación desta orde e remata o 31 de xaneiro de 2019.