AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS
Finalidade
A finalidade desta resolución é establecer as bases que regularán, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o apoio a festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e convocalas para o ano 2019.
Beneficiarias
1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.
2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude, individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado, e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
3. Para optar a estas axudas os festivais terán que reunir os seguintes requisitos:
a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019. No devandito cómputo enténdense incluídos tanto o 1 de novembro do ano da publicación da convocatoria coma o 31 de outubro do seguinte. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2019 e que desenvolvan as actividades neste período.
b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.
c) Realizar un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva.
d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.
e) Que obteñan unha puntuación mínima na fase de valoración de 50 puntos, polo que quedarán excluídos de subvención os que non alcancen a dita puntuación; deberán obter ademais 15 puntos na letra B da base décimo quinta.
f) As actividades que se desenvolvan obxecto desta subvención non poden estar subcontratadas nin total nin parcialmente, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.