miércoles, 23 de enero de 2019

AXUDAS DE COMPENSACIÓN COMPLEMENTARIAS E AXUDAS PARA A REPOSICIÓN DE GANDO EN EXPLOTACIÓNS DE BOVINO, OVINO E CABRÚN COMO CONSECUENCIA DO SACRIFICIO OBRIGATORIO DE GANDO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


 Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2019:
1. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nas explotacións de gando bovino e de gando ovino e cabrún rexistradas en Galicia, con motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levados a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarias oficiais.
Esta orde regulará, dentro destas axudas do punto 1, dous procedementos que se atopan na sede electrónica da Xunta de Galicia e que se corresponden cos dous períodos de tempo nas axudas:
a) Axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún: período de baleiro. Código do procedemento MR553A.
b) Axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún: período de postautorización á reintrodución. Código do procedemento MR553B.

2. As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teñan por obxecto a reposición de efectivos naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación; tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados e os casos de morte/sacrificio deses animais como consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.
En relación con este punto 2, a orde regulará o procedemento de Axudas á reposición de animais: xeral, o cal está recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código MR550A.

3. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que as persoas interesadas as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

2. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas para a compra de animais de reposición as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, así como as persoas ou entidades titulares daquelas explotacións onde morresen ou se practicase a eutanasia de animais das ditas especies, por mor dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

3. As persoas ou entidades solicitantes das axudas establecidas nesta orde, para seren beneficiarias delas, deberán ter a condición de pemes, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

4. En cumprimento do artigo 1.6.b).ii) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, as pemes beneficiarias do presente réxime de axudas non terán a consideración de empresas en crise, segundo a definición destas establecida no artigo 2.14 deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por mor dos danos ou perdas causados polas enfermidades animais recollidas na lista da Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) ou nos anexos I e II do Regulamento (UE) nº 652/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 29 de novembro de 2019, incluídas ambas as datas no cómputo do prazo.