CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA
Obxecto das bases reguladoras e réxime das subvencións
1. As subvencións do Programa do bono de alugamento social están destinadas a atender con carácter urxente as seguintes unidades de convivencia:
a) Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estaren inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.
b) As das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultade para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude estean residindo nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración pública.
Para os efectos deste programa, consideraranse vítimas de violencia de xénero as mulleres, os seus fillos e fillas menores orfos, vítimas tamén desta violencia, así como as mulleres e nenas vítimas de trata con fins de explotación sexual. Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa.
c) Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
d) Aquelas que, tendo sido beneficiarias do programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desa axuda dentro dos seis meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do Programa de bono alugamento social.
e) Aquelas ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, finalizase a vixencia do seu contrato, a partir da entrada en vigor desta orde.
f) Aquelas ás cales, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadar o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.
g) Aquelas que sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de Xestión de Activos procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de subvención do Programa do bono alugamento social.
Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda. Ademais, no caso das persoas estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, deberán posuír o permiso de residencia.
No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.
b) Que sexan titulares ou estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
No caso dos/das menores orfos por violencia de xénero ou vítimas de trata, o contrato de arrendamento poderá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determine na normativa aplicable.
c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.
d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 5 destas bases reguladoras.
e) Que os ingresos da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o artigo 4 destas bases reguladoras e a correspondente resolución de convocatoria, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples (en diante, IPREM) ponderado.
f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grado, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.
g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Exceptúase o caso, de que, dispoñendo dela, non goce do seu uso e desfrute ou se trate dunha vivenda insuficiente ou inadecuada, por razóns de habitabilidade e mobilidade.
Para os efectos anteriores:
– Considerarase unha vivenda insuficiente aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de 10 m2 de superficie útil. Non se computará, neste suposto, a correspondente a baños, corredores e tendais.
– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade aquela que se atope en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria á súa habitabilidade.
– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de mobilidade aquela que pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.
h) Que non poidan ser arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.
i) Que as persoas membros da unidade de convivencia estean ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. No caso de persoas afectadas pola interposición dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, os seguintes:
a) Que entre a comunicación da interposición da demanda e a presentación da solicitude da axuda non transcorreran máis de seis meses.
b) Que o contrato de arrendamento que motivou o procedemento de desafiuzamento tivese unha duración igual ou superior aos doce meses.
3. No caso das vítimas de violencia de xénero, só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, que deberán cumprir, de ser o caso, ademais dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, os seguintes:
a) Acreditar a situación de violencia de xénero con algún dos documentos establecidos na correspondente convocatoria.
b) Que a situación de violencia de xénero se producise no seo dunha relación de convivencia.
c) Que teña cesado a convivencia co agresor, ou coa persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación, no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
No caso de falecemento do agresor, o intervalo temporal será igualmente de doce meses tanto para o feito en si do propio falecemento como da ruptura da convivencia.
d) Que á data de presentación da solicitude leven residindo cando menos dous meses nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de acollemento para mulleres que sofren violencia de xénero e adscrito a unha Administración pública.
e) Que o documento acreditativo da situación de violencia fose emitido dentro dos doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
f) No caso de acreditar a situación de violencia de xénero a través da orde de protección ou da medida cautelar, estas deberán estar vixentes na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda. Para estes efectos, o órgano xestor solicitará informe ao Punto de coordinación das ordes de protección de Galicia, radicado na Secretaría Xeral da Igualdade.
4. No caso de unidades de convivencia, propietarias ou usufrutuarias da súa vivenda habitual, que fosen privadas dela por danos derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc., ademais dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, será necesario que a circunstancia imprevisible e sobrevida acaecese dentro dos seis meses anteriores á presentación da solicitude.
5. No caso de unidades de convivencia que, tendo sido beneficiarias do programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desta axuda dentro dos seis meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do Programa de bono alugamento social, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, os seguintes:
a) Que non lles interpuxesen unha demanda por danos causados na vivenda alugada a través do citado programa.
b) Que non teñan débedas derivadas de subministracións dos recibos de auga, electricidade e/ou gas da vivenda alugada a través do programa Aluga por un período superior aos dous meses.
c) Que non perdesen o dereito nin renunciasen á subvención do programa Aluga antes de rematar o seu período máximo.
6. No caso de unidades de convivencia ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, lles finalizase a vixencia do seu contrato, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que entre a finalización do contrato de arrendamento e a presentación da solicitude de axuda non transcorresen máis de tres meses.
7. No caso de unidades de convivencia en que, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa. Ademais de cumprir os requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, será necesario que a circunstancia excepcional que motiva a proposta de adxudicación da comisión de seguimento e coordinación do Programa de vivendas baleiras resulte acreditada en virtude do informe dos servizos sociais do respectivo concello.
8. Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que tivesen concedida esta axuda nos tres anos anteriores á data de presentación dunha nova solicitude, así como aquelas outras que esgotasen o período máximo de desfrute ordinario desta axuda, coa excepción de aquelas persoas que soliciten a prórroga extraordinaria.
Solicitudes
1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpore como anexo I á correspondente resolución de convocatoria, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. No modelo de solicitude a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:
a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.
c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.1.g) das bases reguladoras.
d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grado, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.
e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugamento dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes.
f) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.