viernes, 11 de enero de 2019

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDA DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para a adquisición de vivenda previstas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, que se tramitarán co código do procedemento VI435A.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2019.
3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse das axudas as persoas físicas maiores de idade que, tendo menos de trinta e cinco anos na data de presentación da correspondente solicitude, reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, ter a residencia legal en España.
b) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM.
Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou dentro da súa composición existan persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
c) Ter subscrito a partir do 1 de xaneiro de 2019 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:
– Que a vivenda estea localizada nun concello pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de menos de 5.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da correspondente convocatoria.
– Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a cen mil euros.
– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude.
e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles teña revogada, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.
g) Que nin a persoa solicitante nin calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.
2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.
3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención ao abeiro da Resolución do 27 de setembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 197, do 16 de outubro), e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2019 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.