INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto conceder axudas ás pemes destinatarias dos seguintes servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Industria 4.0, para a súa realización en empresas galegas, dentro do programa Re-acciona TIC, integrados nas seguintes categorías:
a) Servizo de diagnóstico de capacidades e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0.- Neste servizo analizarase a situación actual da empresa e farase unha detección das súas capacidades para orientarse cara a unha Industria 4.0. Tras a elaboración deste diagnóstico inicial, a contratista identificará as necesidades organizativas e tecnolóxicas que lle permitan á empresa incorporar novas tecnoloxías e preparará un itinerario de implantación tecnolóxico.
b) Servizo de acompañamento na posta en marcha de solucións Industria 4.0. Trátase de xestionar o proxecto de implantación dun mínimo de 2 medidas de solucións Industria 4.0 consideradas de maior relevancia pola empresa procedentes dun diagnóstico de capacidades que pode ser realizado dentro deste programa ou ben pode ser resultado doutra análise que ofreza similares resultados.
c) Servizo de xeración de modelos e simulación industrial. Consiste en executar un proxecto de xeración de modelos e simulacións sobre estes. Deste xeito, debe existir un produto, prototipo ou proceso que sexa susceptible da súa modelización, así como un problema que haxa que resolver para o que se necesite realizar procesos de simulación sobre o modelo xerado.
As axudas configúranse como axudas en especie, da disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita axuda confórmase como a diferenza entre o custo aboado polo Igape pola prestación do servizo e o importe exixido ás pemes beneficiarias en concepto de cofinanciamento.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial. En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme. Para esta definición utilizarase a establecida pola Comisión Europea no Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
Prazo de presentación de solicitudes
Convocatoria 2019.1: desde o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 14.2.2019.
Convocatoria 2019.2: desde o 18.2.2019 ata o 21.3.2019.
Convocatoria 2019.3: desde o 25.3.2019 ata o 7.4.2019.
Convocatoria 2019.4: desde o 6.5.2019 ata o 20.6.2019.