CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto realizar a segunda convocatoria para o ano 2019, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e/ou de vías non formais de formación (código do procedemento: TR305A) para un total de 1.350 prazas, nas unidades de competencia que se indican no anexo I e cun total de 5.150 unidades de competencia nas seguintes cualificacións profesionais:
• Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2): 300 prazas.
• Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2): 250 prazas.
• Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2): 225 prazas.
• Socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2): 225 prazas.
• Tanatopraxia (SAN491_3): 150 prazas.
• Docencia da formación para o emprego (SSC448_ 3): 100 prazas.
• Operacións auxiliares de fabricación mecánica (FME031_1): 100 prazas.
Unidades de competencia convocadas
1. As unidades de competencia convocadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria son as recollidas no anexo I desta orde. No anexo I recóllese a relación de unidades de competencia das cualificacións profesionais convocadas, incluíndo o número de prazas en cada unidade de competencia e con indicación dos títulos de formación profesional e/ou certificados de profesionalidade que recollen estas unidades de competencia.
2. No caso de que nalgunha das unidades de competencia convocadas as persoas candidatas admitidas non cubran o número de prazas convocadas, o Instituto Galego das Cualificacións poderá asignar estas prazas a outras unidades de competencia doutras cualificacións profesionais, atendendo prioritariamente a aquelas cualificacións profesionais que estean afectadas por unha regulación profesional.
Sedes do procedemento
Os lugares que serán sede do procedemento son os establecidos no anexo II. A fase de asesoramento, así como a fase de avaliación, poderán desenvolverse noutros centros de traballo ou noutras instalacións distintas ás que figuran neste anexo II, o que se lles comunicará ás persoas candidatas coa suficiente antelación.
Requisitos de participación no procedemento
1. As persoas que desexen participar no procedemento deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española; estar incluído, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.
b) Ter 18 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición, para o caso de solicitar unidades de competencia de nivel 1 e 20 anos cumpridos para os niveis 2 e 3.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:
1º. No caso de experiencia laboral:
1) Para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.
2) Para as unidades de competencia de nivel 1, xustificar polo menos 2 anos, cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.
2º. No caso de formación non formal:
1) Para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.
2) Para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 1, xustificar polo menos 200 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.
Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberán acreditarse as horas establecidas nestes.
d) Non estar matriculado nun curso de formación profesional inicial, ordinario ou modular, ou non estar, no momento da inscrición, realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia que solicita.
e) Non posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/as unidade/s de competencia que solicita, nin os seus equivalentes ou a acreditación parcial da/das unidade/s de competencia que solicita.
f) Non estar inscrito noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita.
2. As persoas candidatas, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados no artigo 8 desta orde, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación.
Segundo o establecido no artigo 11.2 do Real decreto 1224/2009 do 17 de xullo, para estudar estes casos, a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral designará os asesores e asesoras necesarios, que emitirán un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva.
Presentación de solicitudes
1. As persoas interesadas en inscribirse nas cualificacións profesionais obxecto desta convocatoria deberán presentar a solicitude no modelo que figura no anexo III desta orde.
2. As persoas que xa presentasen documentación en anteriores convocatorias da consellería competente en materia de emprego, nas cualificacións profesionais recollidas nesta convocatoria, non terán que achegar a documentación presentada anteriormente. Non obstante deberán presentar obrigatoriamente solicitude de inscrición segundo o modelo que figura como anexo III desta orde, e poderán achegar nova documentación que complete e/ou actualice a súa experiencia laboral ou a súa formación non formal.
3. Na solicitude consignaranse as unidades de competencia para as cales se solicita a súa inscrición no procedemento:
• As persoas interesadas só poderán realizar unha única solicitude de inscrición e en unidades de competencia que pertenzan á mesma cualificación profesional. Con carácter excepcional:
– No ámbito do socorrismo acuático poderá solicitarse, na mesma solicitude, a inscrición en unidades de competencia pertencentes ás cualificacións profesionais de Socorrismo en instalacións acuáticas (nivel 2) e Socorrismo en espazos acuáticos naturais (nivel 2).
4. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
En caso de enviarse por correo, o envío da solicitude deberá ser certificado, co selo de correos no encabezamento da primeira folla da solicitude de inscrición, para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación. Deberase xuntar copia compulsada da documentación que se precise.
Prazo de inscrición no procedemento
O prazo de inscrición será de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.