viernes, 25 de enero de 2019

BASES REGULADORAS PARA A PROMOCIÓN E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Programa I. Axudas á promoción do emprego autónomo

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de promoción do emprego autónomo e realizar a súa convocatoria para o ano 2019.
2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.
3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidos nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019, ambos inclusive.
4. Este Programa I está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 %, a través do programa operativo do FSE de Galicia 2014-2020 e, en particular, no eixe 1. Promover a sustentabilidade e a calidade e o emprego e favorecer a mobilidade laboral; prioridade de investimento 8.3. Promover o traballo por conta propia, o espírito emprendedor e a creación de empresas, incluíndo as microempresas e as pequenas e medianas empresas innovadoras, e obxectivo específico 8.3.1. Aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de empresas e iniciativas de traballo por conta propia sustentables creadas, facilitando o seu financiamento e mellorando a calidade e eficiencia dos servizos de apoio e de consolidación. Liña de actuación 114.- Programa de promoción do emprego autónomo.

Persoas beneficiarias
1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de setembro de 2019, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:
a) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
b) Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 5.2 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.
c) Que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
d) Que non percibisen subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.
e) Que non desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.
2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atoparen indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.
5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, con excepción do previsto no punto 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto no artigo 24.1.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para presentar as solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo será contado a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2019. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
2. Para garantir que os cidadáns que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.


Programa II. Axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalaridas.

Obxecto
Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar, para o ano 2019, os incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade e pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.

Prazo de presentación de solicitudes
a) As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2018 e a data da publicación desta orde deberanse presentar no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
b) As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberanse solicitar ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola cal se solicita a subvención. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
c) O prazo para presentar as solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2019, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.