CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e as Sofor poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva.
2. De acordo co devandito obxecto, establécense dúas liñas de subvencións:
a) Liña I. Subvencións para o control selectivo de combustible (código de procedemento MR651A).
b) Liña II. Subvencións para a construción de puntos de auga (código de procedemento MR651B).
3. O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común e ás Sofor da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto aqueles montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, salvo que solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio.
No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia, poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.
4. Estas axudas ampáranse nos artigos 21 e 24 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que establecen as medidas de apoio á prevención e defensa contra os incendios forestais.
5. Estas axudas tramitaranse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades e as sociedades de fomento forestal (en diante, Sofor) sempre que non incorran en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
2. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no número 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
3. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, é dicir, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.
4. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.
5. Cando se trate de agrupacións sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada un deles, que terá igualmente a consideración de beneficiario.
6. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición establecido nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
7. No caso da liña II, a porcentaxe de subvención deberá ser proporcional á superficie de cada comunidade de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) con respecto á superficie total da agrupación.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.