viernes, 29 de abril de 2016

INSTRUCCIÓNS PARA O ACCESO E ADMISIÓN DO ALUMNADO A ENSINANZAS SUPERIORES DE MÚSICA CURSO 2016/17

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Acceso
a) De acordo co establecido no artigo 16 da Orde do 30 de setembro de 2010 para o acceso ás ensinanzas de grao en música, requirirase estar en posesión do título de bacharel ou titulación declarada equivalente ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, e superar a proba específica de acceso.
b) Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato, poderán realizar a dita proba e, no caso de obteren praza, matricularse de forma provisional no prazo establecido, e deben acreditar a obtención do título de bacharel antes do inicio do curso no mes de setembro; no caso de non acreditalo, perderán o dereito á matrícula e á praza.
c) A nota media do expediente académico do grao profesional de música do alumnado que estea en posesión do título profesional de música ou equivalente suporá un 40 % da cualificación final da proba de acceso. Para tales efectos, e en termos de cómputo, farase unha media ponderada da cualificación media obtida nos estudos do grao profesional.
d) No relativo ao cálculo da nota media do alumnado das ensinanzas profesionais de música, será tido en conta o establecido polo Real decreto 1953/2009, do 18 de decembro, polo que se modifican o Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro, o Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, e o Real decreto 1467/2007, do 2 de novembro.
e) De conformidade co artigo 5.6 do Real decreto 631/2010, do 14 de maio, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.
Inscrición para realizar as probas
a) A inscrición farase na secretaría dos conservatorios superiores de música de Galicia, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o día 6 de xuño, ambos incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.
b) Para a formalización das solicitudes de admisión, os conservatorios superiores facilitarán ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:
• Título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba de acceso a estas ensinanzas para maiores de dezaseis anos ou algunha materia do bacharelato, farano constar na solicitude e queda condicionada á súa superación.
• Título profesional de música ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou o libro de cualificacións das ensinanzas profesionais, se é o caso.
c) O día 7 de xuño os conservatorios superiores de música exporán a lista provisoria de admitidos ás probas. O alumnado que non sexa admitido poderá presentar a súa reclamación os días 8 e 9 de xuño.
d) Os conservatorios onde se realice a inscrición deberán enviar á comisión, a través do correo electrónico asesoria.musicasuperior@edu.xunta.es, o día 10 de xuño, a relación de persoas inscritas para realizar as probas de acceso en cada especialidade e itinerario, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, e centros a que opte, ordenados segundo a súa preferencia.
e) A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios de cada centro o día 13 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es
Desenvolvemento das probas
a) As probas específicas de acceso comezarán o día 20 de xuño, de acordo co calendario que para tal efecto estableza a comisión de acceso.
b) Os conservatorios organizarán a distribución horaria e de espazos de actuación de cada tribunal.
Matrícula
a) O alumnado que obteña praza deberá formalizar a súa matrícula entre os días 7 e 15 de xullo.
b) Para a formalización das solicitudes de matrícula os conservatorios facilitarán ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única instancia na secretaría do conservatorio, que se xuntará á documentación xa presentada. A falta de formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2016/17.
c) A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos. Non se cuantifica para estes efectos o alumnado repetidor.