miércoles, 27 de abril de 2016

CONVOCATORIA PRAZAS NAS RESIDENCIAS XUVENÍS PARA O CURSO 2016-17

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
A presente orde ten por obxecto convocar para o curso académico 2016/17, en réxime de concorrencia competitiva, 220 prazas para mozos e mozas (de 16 a 30 anos) nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social.
Con esta oferta póñense as residencias xuvenís ao servizo da mocidade que, por razóns de estudo ou traballo, se vexa obrigada a permanecer fóra do concello onde ten a súa residencia habitual.
Período da estadía
O período máximo de estadía das persoas beneficiarias será de 11 meses e estará comprendido entre o 1 de setembro de 2016 e o 31 de xullo de 2017. Exceptúanse os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.
As persoas beneficiarias que teñan a condición de estudantes iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia coincidindo co curso académico no cal estivesen matriculadas (respectando sempre o período máximo antes indicado) e, en todo caso, concluirán a súa estadía co remate dos estudos desenvolvidos.
En calquera caso, as persoas beneficiarias deberán iniciar a súa estadía na residencia como prazo máximo o 31 de outubro.
Requisitos das persoas solicitantes
3.1. Requisitos xerais, para todas as persoas solicitantes:
Poderán optar ás prazas obxecto da presente convocatoria os mozos e as mozas que reúnan os seguintes requisitos:
– Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.
– Non ter perdido a condición de residente por causa imputable á persoa solicitante.
– Ter os 16 anos feitos e non superar os 30, na data do 31 de decembro de 2016.
3.2. Requisitos específicos para a mocidade estudante:
– Cursar estudos de formación profesional ou ciclos formativos, de bacharelato, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente ou ben, mentres non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria, ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.
– Que no concello onde radique a súa residencia habitual non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante. Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, nos cales o/a solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.
3.3. Requisitos específicos para a mocidade traballadora:
– Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.
– No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida terá que ter unha duración mínima de 3 meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
– No caso de ser unha persoa traballadora autónoma por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.
 Prazo de presentación da solicitude: ata o 27 de maio de 2016.