viernes, 1 de abril de 2016

AXUDAS Á CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto avanzar na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como medida de fomento da corresponsabilidade e da conciliación da vida familiar e laboral, mediante incentivos para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo para a atención e o coidado das súas fillas e dos seus fillos, así como para as familias monoparentais, homes ou mulleres, que precisan dun apoio específico para compaxinar a vida laboral, persoal e familiar.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras que sexan homes ou familias monoparentais (homes ou mulleres) que, entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de abril de 2016 inclusive, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas menores de tres anos, ou menores de 12 anos no suposto de que padezan unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
No suposto de adopción ou de acollemento familiar, para teren dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou adopción e, en todo caso, a filla ou fillo terá que ser menor de 12 anos.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: a) estaren empadroados en Galicia, polo menos cun ano de antelación ao inicio do período subvencionado; b) conviviren coa filla ou fillo; c) de ser o caso, a cónxuxe ou parella debe estar traballando; d) teren uns ingresos non superiores a 5,5 veces o IPREM segundo a declaración do IRPF do último período impositivo con prazo de presentación vencido (2014).
Importe
A contía das axudas establécese en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, e en atención ao número de fillas e fillos menores de 12 anos, nun abano que vai desde 1.700 € e ata 3.700 €.
Cando a xornada se realice a tempo parcial ou cando o período subvencionable sexa inferior ao máximo (8 meses), as contías das axudas reduciranse proporcionalmente.
Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de catrocentos corenta mil euros (440.000 €), o 80 % con cargo ao FSE e o 20 % con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.