viernes, 15 de abril de 2016

AXUDAS DE MEDIDAS DE PROTECCIÓN INTEGRAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA



Obxecto
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas vítimas de violencia de xénero.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) non conviviren co agresor; b) estaren empadroadas e teren residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, teren permiso de residencia; c) teren especiais dificultades para obteren un emprego; d) careceren de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
3. Non poderán ser beneficiarias as mulleres que percibisen con anterioridade esta axuda ou a axuda periódica establecida no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2016.

EXTRACTO da Resolución do 5 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

Obxecto
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas de indemnización as mulleres, maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e/ou asistencialmente dunha muller que sufra violencia de xénero.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) non conviviren co agresor; b) estaren empadroadas e teren residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, teren permiso de residencia; c) teren dereito á percepción dunha indemnización por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia; d) que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento; e) que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2016.