viernes, 29 de abril de 2016

INSTRUCCIÓNS PARA ACCESO E ADMISION DO ALUMNADO EN ENSINANZAS SUPERIORES DE ARTE DRAMÁTICO CURSO 2016/17

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Acceso
a) De acordo co establecido no artigo 16 da Orde do 30 de setembro de 2010 para o acceso ás ensinanzas de grao en Arte Dramática, requirirase estar en posesión do título de bacharel ou titulación declarada equivalente, ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, e superar a proba específica de acceso.
b) Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán realizar a dita proba e, no caso de obter praza, matricularse de forma provisional no prazo establecido, e deberán acreditar a obtención do título de bacharel antes do inicio do curso no mes de setembro; no caso de non acreditalo perderán o dereito á matrícula e á praza.
c) De conformidade co artigo 5.6 do Real decreto 630/2010, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.
 Inscrición para realizar as probas
a) A inscrición farase na Secretaría da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o día 14 de xuño, ambos incluídos. Para tal fin, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia deberá expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.
b) Para a formalización das solicitudes de admisión, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia facilitaralles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na Secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:
– Título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba de acceso a estas ensinanzas para maiores de dezaoito anos ou algunha materia do bacharelato, farano constar na solicitude, e quedará condicionada á superación dela.
c) O día 15 de xuño, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia exporá a lista provisoria de admitidos nas probas. O alumnado que non sexa admitido poderá presentar a súa reclamación entre os días 16 e 17 de xuño, ambos incluídos.
d) A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia deberá enviar á comisión, a través do correo electrónico asesoria.musicasuperior@edu.xunta.es, o día 20 de xuño, a relación de persoas inscritas para realizar as probas de acceso en cada especialidade, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade.
e) A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia o día 21 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es .
Desenvolvemento das probas
a) As probas específicas de acceso comezarán o día 29 de xuño, de acordo co calendario que para tal efecto estableza a comisión de acceso.
b) A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia organizará a distribución horaria e de espazos de actuación de cada tribunal.
c) Proba específica. O sistema de acceso constará dunha única proba, que comprenderá dous exercicios. O primeiro exercicio é común a todas as especialidades e consistirá en dúas probas escritas. A primeira consistirá na análise dun fragmento dunha obra dramática e a segunda consistirá na análise dun fragmento dun ensaio teatral. O segundo exercicio estará referido á especialidade pola cal opten.
Matrícula
a) O alumnado que obteña praza deberá formalizar a súa matrícula entre os días 12 e 22 de xullo.
b) Para a formalización das solicitudes de matrícula a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia facilitaralles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na Secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A falta de formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2016/17.
c) A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos, e non se cuantifica para estes efectos o alumnado repetidor.