AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA
Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto desta resolución é regular a adhesión de «aliados dixitais» ao Plan de inclusión dixital de Galicia 2020 e o seu procedemento.
A través das denominadas «alianzas dixitais» entre a Amtega e os diferentes axentes do ecosistema dixital, no marco da mellora da inclusión dixital preténdese proporcionar á cidadanía as aptitudes dixitais que lles permitan facer pleno uso das tecnoloxías para aumentar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción social.
Liñas de colaboración
No marco desta resolución, os denominados «aliados dixitais» que teñan interese en participar na mellora da inclusión dixital poderán colaborar nos seguintes ámbitos:
• Organización e desenvolvemento de actividades formativas, conferencias, seminarios ou xornadas de alfabetización e capacitación dixital, promoción da innovación social dixital, así como produtos ou servizos concretos sobre os beneficios e usos das TIC en xeral.
• Fomento do emprego de novas aplicacións, das vantaxes do uso dos novos dispositivos e de boas prácticas que favorezan unha utilización responsable e axeitada dos contidos, servizos e aplicacións da sociedade dixital.
• Elaboración e cesión de contidos dixitais propios e/ou espazos físicos para o seu aproveitamento colectivo por parte do resto de axentes do ecosistema e cidadanía no marco da inclusión dixital.
• Co-creación de espazos e coñecemento dirixidos a toda a cidadanía galega.
• Deseño e posta en marcha de proxectos e iniciativas singulares para a inclusión dixital en colaboración co resto dos axentes.
• Participación en eventos ou iniciativas para a difusión, divulgación e dinamización das TIC entre a poboación de Galicia.
• Difusión da inclusión dixital e as súas actuacións.
Procedemento de adhesión de «aliados dixitais»
A presentación de solicitudes efectuarase de xeito unicamente electrónico a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das comunicacións será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.