viernes, 29 de abril de 2016

CONVOCATORIA PROBAS XESTOR DE TRANSPORTE EN EMPRESAS DE TRANSPORTE POR ESTRADA

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Primeiro. Os exercicios da primeira convocatoria do ano 2016 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 14 de maio de 2016, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela).
Segundo. Os/as aspirantes que fosen admitidos/as para a realización das probas serán citados/as en chamamento único segundo a seguinte distribución:
a) Transporte interior e internacional de viaxeiros/as: todos/as eles/as ás 9.00 horas.
b) Transporte interior e internacional de mercadorías:
Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do primeiro apelido estea comprendida entre as letras A-L (ambas as dúas inclusive): 9.00 horas. Non obstante, todos/as aqueles/as aspirantes incluídos/as nesta relación que estean admitidos/as tamén para as probas de viaxeiros/as quedan convocados/as para as 16.15 horas.
Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do primeiro apelido estea comprendida entre as letras M-Z (ambas as dúas inclusive): 16.15 horas.
Terceiro. Unha vez situados/as os/as aspirantes dentro da aula, non se permitirá a súa saída, agás no suposto de entrega do exercicio. Non obstante, o tribunal poderá apreciar a concorrencia de circunstancias médicas debidamente acreditadas, como no suposto de mulleres embarazadas, toma de medicamentos ou similares, que fagan necesario que o/a aspirante teña que ir ao baño.
Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentarse provistos/as de DNI en vigor ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, tamén en vigor; a súa falta dará lugar á non admisión do/a aspirante á realización das probas. Recoméndase igualmente aos/ás aspirantes que concorran provistos/as da copia da solicitude de admisión e da folla xustificativa do pagamento das taxas de exame.
Así mesmo, deberán dispor dun lapis do número 2 e goma de borrar para realizar o exame, de xeito que se poida efectuar a súa corrección mediante mecanismos automatizados. Poderán tamén levar máquinas calculadoras sen memoria RAM para realizar as operacións matemáticas que resulten necesarias.
Quinto. Non se permitirá o acceso á sala onde se realizarán os exercicios con teléfonos móbiles.
Igualmente, tampouco se permitirá o acceso e tenza de axendas ou outros dispositivos de carácter electrónico, agás o indicado no punto anterior respecto das máquinas calculadoras. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización das probas.

Advírtese de que non haberá servizo de recolla de teléfonos móbiles.