viernes, 12 de septiembre de 2025

SUBVENCIÓNS OBTENCIÓN E/OU MANTEMENTO DA MARCA Q DE CALIDADE TURÍSTICA E/OU MARCA S DE SUSTENTABILIDADE TURÍSTICA 2025

 Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto da obtención e/ou o mantemento da marca Q de Calidade Turística e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TU970A).

Obxecto e réxime
O obxecto é a concesión de subvencións para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención ou ao seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística e/ou da marca S de Sustentabilidade Turística do ICTES, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento TU970A).
O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e, no caso en que a persoa beneficiaria destas axudas realice unha actividade económica, quedará suxeita ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:
Categoría 1ª: os concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local recollidos no artigo 85.2.A da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
Categoría 2ª: as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos.

Gastos subvencionables
Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade e sustentabilidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística do ICTES, correspondentes ao ano 2025 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2025. Concretamente serán subvencionables:
• Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados pola entidade auditora acreditada polo ICTES para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación correspondente ao ano 2025, da marca de Calidade Turística Q e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística.
Non se terán en conta as xustificacións de gasto das auditorías internas realizadas polas entidades solicitantes no servizo/recurso turístico nin as cotas de adhesión destas ao ICTES no ano 2025, e quedan excluídos tamén os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra a persoa ou entidade solicitante durante o proceso de implantación do correspondente referencial de Q de calidade e/ou S de sustentabilidade. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría externa realizada no ano 2025.
• Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q e/ou da marca S no ano 2025, unha vez acadada a certificación, o seguimento e/ou a renovación do establecemento, facturados polo ICTES ao establecemento.
En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e as sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Prazo de xustificación da subvención
O prazo de xustificación das axudas concedidas rematará o 28 de novembro de 2025.