jueves, 4 de septiembre de 2025

BONO CONCILIA FAMILIA 2025

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 25 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS412A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias residentes en Galicia con nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 7 de setembro de 2025 (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.
2. Para os efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2025:
– Do 1 ao 7 de xaneiro.
– Os días 3, 4 e 5 de marzo.
– Do 14 ao 21 de abril.
– Do 21 de xuño ao 7 de setembro.
3. As axudas previstas nesta orde tramitaranse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e a finalidade das subvencións non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.
No suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por necesidades en períodos de vacacións escolares, ambos pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental terán que estar traballando. Aos efectos deste apartado, as situacións de incapacidade permanente absoluta e gran invalidez equiparanse a esta situación. Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo en que esta se exerza efectivamente, acreditando que nese período de tempo lle corresponde a garda e custodia á persoa que solicita esta axuda, debendo presentar, nestes casos, cada pai/nai unha solicitude individual.
2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal debendo realizar unha única solicitude por neno ou nena, agás nos caso de custodia compartida, e por un único tipo de gasto. En caso de presentar máis dunha solicitude, atenderase á primeira solicitude realizada.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará ás 9.00 horas do día 8 de setembro de 2025 e finalizará o día 8 de outubro de 2025 ás 23.59 horas.