miércoles, 10 de septiembre de 2025

PROBAS DE AVALIACIÓN DE CARÁCTER LIBRE PARA A OBTENCIÓN DO CERTIFICADO DE COMPETENCIAS DIXITAIS (COMDIX) NO SEU NIVEL DE INICIACIÓN

 Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2025 pola que se anuncia a convocatoria das probas de avaliación de carácter libre para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix) no seu nivel Iniciación.

Datas e realización das probas
1. As probas desenvolveranse os días 29, 30 e 31 de outubro de 2025.
2. Terán lugar segundo o calendario que figura no anexo II, onde se relacionan os lugares con aulas CeMIT dispoñibles, as prazas convocadas por cada localidade, as datas e os horarios de realización.

Itinerario formativo
1. Para a preparación das probas de certificación de nivel iniciación ponse ao dispor do usuario, como material de apoio, o programa de autoformación conformado por un itinerario formativo composto por 7 cursos.
2. O acceso aos contidos pode realizarse en calquera momento e estarán dispoñibles permanentemente na plataforma de teleformación https://formacion-cemit.xunta.gal
3. A realización total ou parcial do itinerario formativo non dá dereito á expedición do certificado de competencias dixitais (ComDix), que se obterá unicamente pola superación da proba de certificación regulada nesta convocatoria.
4. Cada persoa determinará libremente as actividades formativas nas que quere inscribirse e o período durante o cal vai traballar na actividade ou actividades do programa de autoformación elixidas.
5. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non implica a obrigación de presentarse ás probas de certificación reguladas nin é tampouco un requisito para matricularse nelas.

Solicitudes de participación e prazo de inscrición
1. As persoas que desexen participar nas probas de certificación deberán ser maiores de 16 anos e inscribirse na páxina web da rede CeMIT https://cemit.xunta.gal antes da finalización do prazo de inscrición.
2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da Rede CeMIT no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios, para o que é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
3. Os datos persoais cos que a persoa se inscriba na páxina web da Rede CeMIT serán os que se tomen de referencia durante todo o proceso de selección para a participación nas probas e a posterior emisión das certificacións. A Amtega non se fai responsable da emisión de certificacións con datos incorrectos por erros na inscrición ás probas.
4. O prazo para a inscrición será de catorce (14) días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
5. Soamente se poderá presentar unha solicitude de inscrición por persoa participante, sendo excluídas automaticamente aquelas persoas que figuren rexistradas en máis dunha localidade ou horario.
6. Unha vez que finalice o prazo de inscrición e aplicados os criterios de selección que se recollen na base cuarta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas en cada unha das localidades na páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), así como a listaxe de reservas e de excluídas.