AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS
Finalidade
Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións de concorrencia non competitiva establecidas pola Agadic para proxectos de empresas de exhibición cinematográfica comercial que contribúan a garantir e fortalecer a súa viabilidade, favorecer a captación de público, promover a difusión do cine comunitario e doutras cinematografías con baixa cota de pantalla en España, e fortalecer a actividade empresarial, e convocalas para o ano 2021.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, titulares ou arrendatarios de salas de exhibición cinematográfica independentes, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente para a exhibición comercial de películas cinematográficas.
2. Só se poderá presentar un único proxecto por local. As empresas titulares de máis dun local poderán presentar un máximo de tres proxectos.
3. As salas deberán estar en funcionamento un mínimo de tres meses durante o período subvencionable, salvo por imposibilidade derivada da COVID-19.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.