AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalaría ou artístico-recreativo, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran os requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código do procedemento IN417Z).
Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:
– Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.
– Sección I: hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.
– Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.
2. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de xuño de 2021.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.
Prazo para a execución da instalación
A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2021.