lunes, 26 de abril de 2021

CONVOCATORIA FASE AUTONÓMICA DO CONCURSO SOBRE CONSUMO RESPONSABLE E CALIDADE DE VIDA CONSUMÓPOLIS-16: COIDA O TEU PLANETA CUN CONSUMO + RESPOSABLE, ATRÉVESTE?

INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-16: coida o teu planeta cun consumo + responsable, atréveste? (código de procedemento IN114A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso do curso escolar 2020/21 Consumópolis-16 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título: Coida o teu planeta cun consumo + responsable, atréveste? (código de procedemento IN114A).
2. O concurso consta dunha única parte: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es

Participantes
1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou de 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica en calquera centro público, concertado ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teña máis de tres membros do mesmo sexo.
3. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.
4. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.

Categorías de participación
Establécense tres categorías de participación:
– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.
– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.
– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria ou de formación profesional básica.

Premios
1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados, respectivamente, en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.
2. Os equipos gañadores de cada un dos tres niveis de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na convocatoria nacional.

Certificación e recoñecemento
1. Todos os membros do equipo recibirán, ademais dos premios, un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.
2. Os docentes que participasen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Universidade un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

Apoio aos centros docentes
1. Como axuda para realizar as actividades que son obxecto do concurso, os equipos participantes contarán coas fichas informativas e pedagóxicas, en formato PDF, relacionadas co consumo responsable que están localizadas no sitio web www.consumopolis.es
2. Ademais, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrece aos centros docentes o asesoramento que precisen para realizar as actividades que son obxecto do concurso, o cal poderán solicitar poñéndose en contacto coa Escola Galega do Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal, ou do número de teléfono 881 99 90 91.

Formalización a través da plataforma e obtención da ficha virtual
1. Finalizado o percorrido virtual pola cidade de Consumópolis, a persoa coordinadora descargará unha ficha virtual que así o acredita no sitio web www.consumopolis.es e que recolle o nome do equipo, os compoñentes e a referencia del.
2. Desde o momento en que a ficha virtual do traballo sexa descargada pola persoa coordinadora, o traballo non poderá ser modificado. Se o docente coordinador non descarga a ficha virtual do traballo, a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.

Presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).