viernes, 30 de abril de 2021

ACCIÓNS FORMATIVAS DO PLAN FORMATIVO PARA O EMPREGO PERÍODO 2021-2023

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR301K).

Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto as convocatorias públicas como a execución das accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, xestionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade, a través das súas xefaturas territoriais (procedemento TR301K).
Tamén poderán participar nas referidas accións formativas aqueles colectivos que para tales efectos se determinan na propia orde.

Programación
As accións formativas para as cales se pode solicitar financiamento mediante subvención son as da modalidade de programación da oferta formativa para persoas traballadoras desempregadas.
Poderán ser obxecto de financiamento aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo II de cada convocatoria, así como os módulos transversais e complementarios que se impartan asociados a estas.

Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación
Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases as entidades que, na data de entrada en vigor da correspondente convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados e/ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.
As entidades deberán dispor no ámbito territorial de Galicia das instalacións debidamente acreditadas e/ou inscritas que permitan a impartición das acciones formativas solicitadas.
Así mesmo, os centros presenciais vinculados a entidades acreditadas e/ou inscritas para impartir especialidades formativas na modalidade de teleformación deberán estar homologados na correspondente especialidade na data de entrada en vigor da convocatoria e localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria
As solicitudes e a documentación complementaria presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación informática SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes.

Execución da primeira convocatoria
As accións formativas correspondentes a esta convocatoria non poderán comezar antes do 1 de setembro de 2021, polo que non se admitirá ningunha solicitude que formule datas anteriores.
A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2021 será o 20 de decembro de 2021.
Para cursos que se desenvolvan durante as anualidades 2021 e 2022 ou exclusivamente durante a anualidade 2022, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2022.