AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL
Obxecto
1. Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de aproveitamento, transformación e comercialización dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais), con excepción dos referidos no artigo 4.
2. Poderanse subvencionar investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) ou calquera outra figura análoga, e subvencionarase neste caso unicamente o importe correspondente á opción de compra. A opción de compra deberase realizar no prazo de execución do investimento.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do PDR 2014-2020 e descritos no anexo XV. Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
2. Os solicitantes da axuda para acadar a condición de beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe deste ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta por importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado na data de publicación da convocatoria-Modelo 390 ou Modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).
b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais, en vigor na data de publicación da convocatoria.
c) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.
3. Así mesmo, os solicitantes con persoal contratado por conta allea nun número igual ou superior a tres traballadores deberán ter na data de publicación da convocatoria, polo menos, o 40 % do cadro de persoal da empresa con contratos por conta allea e tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, entendendo como tales as creadas dentro dos 18 meses anteriores á data publicación da convocatoria, bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 40 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento.
O persoal en réxime de autónomos non se computará para os efectos do cálculo das porcentaxes de estabilidade de emprego recollidas nesta resolución.
Para os efectos do cálculo da porcentaxe de estabilidade de emprego recollida nesta resolución, o persoal contratado a tempo parcial computarase porcentualmente ao tempo que conste no contrato de traballo ou na vida laboral da empresa.
4. Non poderán acadar a condición de beneficiarios:
a) Aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.