INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto regular e convocar os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net, para difundir e promover os valores do consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN116A).
Participantes
Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2020/21 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
Categorías de participación
1. Establécense catro categorías de participación:
– Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.
– Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria.
– Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional e de educación de persoas adultas.
– Categoría D: alumnado de educación especial.
2. Non se establece un número mínimo de alumnos/as para cada categoría de participación.
3. Cada centro docente só poderá presentar un único proxecto, correspondente a unha das categorías de participación sinaladas. Os centros con alumnado pertencente a varias categorías de participación deberán seleccionar unha das categorías sinaladas, segundo aquela que mellor represente o traballo realizado no centro. No caso de que non se seleccione ningunha categoría de participación, entenderase que o centro se presenta na categoría de participación correspondente ao alumnado de maior nivel académico.
Premios
Concederase un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das categorías de participación.
Certificación e recoñecemento
1. Ademais dos premios, os centros recibirán un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.
2. A persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Universidade unha certificación de 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.
Presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ).
Prazo de presentación
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 2 de xullo de 2021.