martes, 13 de abril de 2021

AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE CORRECCIÓN DE IMPACTOS PAISAXÍSTICOS

 INSTITUTO DE ESTUDOS DO TERRITORIO

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, e se establece a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento MT402A).

Obxecto
Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, de conformidade cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia; concretamente, as relacionadas no artigo segundo da resolución. Os gastos subvencionables son os indicados no seu punto cuarto.

Persoas beneficiarias
Poderán optar ao recoñecemento da axuda:
a) As persoas físicas titulares dun ben inmoble, recurso ou elemento, así como aqueles que posúan calquera título válido en dereito que autorice a realización da actuación solicitada.
b) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas de conformidade co disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal. Os requisitos exixidos deberán ser cumpridos por todos os seus membros.
A totalidade dos requisitos establecidos na resolución deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Prazo de presentación de solicitudes
Comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e abranguerá ata o 31 de maio de 2021.

Outros datos
Sen prexuízo dos demais requisitos establecidos na resolución, só caberá presentar unha solicitude por persoa ou entidade solicitante. Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións susceptibles de definición individualizada para as cales se solicita subvención.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal que irá acompañado dos documentos que se especifican no punto noveno da resolución.
A presentación electrónica será obrigatoria para as comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias.
Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por cubrirse na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas.
Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece na resolución.
A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos sinalada no punto vixésimo primeiro da resolución será o 15 de outubro de 2021.
Una vez recibida a documentación xustificativa, os órganos competentes do Instituto de Estudos do Territorio, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.