lunes, 26 de abril de 2021

SERVIZO PARA A CONSTITUCIÓN DE PEQUENAS EMPRESAS EN 48 HORAS AFORRANDO CUSTOS E XESTIÓNS DA XUNTA

 

A XUNTA OFRECE UN SERVIZO PARA A CONSTITUCIÓN DE PEQUENAS EMPRESAS EN 48 HORAS AFORRANDO CUSTOS E XESTIÓNS

 ·         O proceso é telemático e o Igape encárgase da tramitación necesaria ante os distintos organismos

 Lugo, 21 de abril de 2021.- A Xunta de Galicia ofrece aos emprendedores un servizo para a constitución de pequenas empresas nun prazo non superior a 48 horas, con tarifas reducidas e evitando desprazamentos e xestións en distintos organismos públicos.

 O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) conta cun Punto de Asesoramento ao Emprendedor (PAE) para constituír mediante esta fórmula Sociedades de Responsabilidade Limitada e Sociedades Limitadas Nova Empresa cun capital social a partir de 3.000 euros -o importe mínimo esixido para a constitución dunha sociedade limitada-, así como comunidades de bens ou tamén para a incorporación de traballadores autónomos.

 Este servizo do Igape axudou a crear nos últimos meses 10 empresas en Lugo, todas elas coa figura de Sociedade de Responsabilidade Limitada. O procedemento é telemático, e o emprendedor só ten que acudir presencialmente ao PAE e ao notario, evitando así desprazarse para realizar os trámites restantes, sen necesidade de utilizar formularios en papel e pagando tarifas reducidas. O Igape pon en marcha a tramitación e envía a comunicación da alta censual e a documentación a Facenda, Seguridade Social, Notaría e Rexistro Mercantil.

 Toda a información sobre este e outros recursos está accesible na web do Igape. Ademais, a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación está a reforzar as vías de comunicación co empresariado e conta co programa de asesoramento gratuíto online Igape Responde.

 Asesoramento en liña

Na web responde.igape.es os emprendedores e empresarios poden formular preguntas concretas sobre os seus negocios e recibir asesoramento en liña en diversos ámbitos: xeral, financeiro, de negocio, operacións ou de recursos humanos.

 Tamén se ofrecen vídeos, algúns de escasos minutos, de temática empresarial ou consellos de “coach” expertos en distintos aspectos de xestión, como as finanzas ou o persoal. Igualmente, o canal de youtube Igape Responde tamén ofrece material audiovisual de interese para as empresas.

 Por último, o Igape puxo recentemente en marcha outra canle de comunicación a través dos Podcast, onde se poden escoitar os contidos dos webinarios que imparte o organismo. Este novo espazo recolle os aspectos máis destacados dos eventos virtuais que se celebran para mellorar a formación do tecido empresarial galego.

 Os audios do Igape Responde xa están dispoñibles a través de Spotify, Ivoox, Google Podcast, Spreaker, Breaker, Anchor FM, Pocket Casts e Radio Public.