viernes, 24 de mayo de 2024

XXVII PREMIO MANUEL COLMEIRO

 CONSELLERÍA DE FACENDA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca a XXVII edición do Premio Manuel Colmeiro, para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia (código de procedemento PR771A).

Obxecto e réxime xurídico
O obxecto do premio é fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e os entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma (código de procedemento PR771A).
A concesión do premio rexerase por estas bases; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.
Este premio alíñase coa RIS3 e está relacionado co obxectivo estratéxico 4 e o programa 4: persoas e talento.
A concesión do premio regulado nesta convocatoria será incompatible coa de calquera outro premio de similares características financiado con fondos públicos.

Persoas destinatarias
Poderán participar nesta convocatoria persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea. Gardarase reserva sobre a identidade de cantas persoas participen no premio e unicamente serán obxecto de publicidade o nome e os apelidos da persoa ou persoas gañadoras.
No suposto de que se trate de grupos de traballo, acreditarase expresamente a persoa física responsable da dirección do equipo, que será a persoa que figure como solicitante no modelo normalizado de solicitude, así como a porcentaxe de participación de cada integrante do grupo no traballo presentado.
Non poderán acceder a este premio as persoas afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Dotación económica do premio
A dotación económica do premio é de 3.500 euros, que estará suxeita á correspondente retención fiscal. Tamén se lle entregará á candidatura gañadora un diploma acreditativo de tal condición.
No caso de que o traballo premiado o presente máis dunha persoa, a dotación económica do premio distribuirase proporcionalmente entre todas as persoas integrantes do grupo de traballo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos comezará coa entrada en vigor desta orde e finalizará o 21 de outubro de 2024.

Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ou traballo de investigación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A solicitude deberá ser asinada electronicamente pola persoa solicitante ou representante ou por aquela que se responsabilice da dirección do grupo de traballo, se é o caso.
Co obxecto de garantir o anonimato, nos traballos de investigación presentados non figurará ningún dato persoal da persoa autora deles, senón unicamente o título na primeira páxina. Así mesmo, o dito traballo será presentado nun arquivo independente ao do resto da documentación. No mesmo sentido, a Dirección da EGAP facilitaralle ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e manterá custodiada a identidade das persoas autoras ata que se resolva o procedemento.