jueves, 2 de mayo de 2024

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE EQUIPAMENTO DE APROVEITAMENTO DE ENERXÍAS RENOVABLES ELÉCTRICAS E DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS DE PRODUCCIÓN AGRÍCOLA PRIMARIA PARA O ANO 2024

 AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia (código de procedemento IN421L).

Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a instalación de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria.
Para os efectos desta resolución, consideraranse sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades recollidas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación destas bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea anterior.

Contía da axuda
A contía da axuda será do 30 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 € por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo en que se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Se o remate do prazo coincide en día inhábil prorrogarase ata o seguinte día hábil.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Prazo para a execución da instalación
A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro de 2024.