AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS
Finalidade
Fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais, contribuíndo ao desenvolvemento ordinario da programación das salas (código de procedemento C302D).
Persoas beneficiarias
Poderán acceder a esta convocatoria as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, propietarios, ou posuidores de calquera título válido en dereito, de espazos de exhibición musical privados, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente, coa correspondente licenza ou permiso municipal, para organizar espectáculos musicais en directo con público.
Tamén poderán ser persoas beneficiarias, sempre que cumpran cos requisitos anteriormente sinalados, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo o obxecto da subvención, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.