CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a persoas físicas ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras e que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega, facilitando a súa participación en actividades do dito sector que se celebren no ano 2024 (código de procedemento CT221A).
Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia fóra de Galicia, ata un máximo de dúas actividades por solicitante, realizadas no sector do libro de entre as seguintes: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas e eventos de semellante natureza.
As empresas editoras poderán designar un máximo de dúas persoas do seu cadro de persoal para que asistan a un evento cada unha ou a un único traballador/a para que asista a un máximo de dous eventos.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2024.
Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomas ou non, ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega, e que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos debidamente acreditados:
a) Terse inscrito, ter asistido ou participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.
b) Acreditaren o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega.
c) Ter publicado obra en Galicia, polo menos unha obra, como persoa escritora, ilustradora, tradutora ou editora, para a cal se solicita a subvención, nos cinco anos anteriores á publicación da presente orde.
2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As persoas xurídicas deben acreditar a condición de editoras ou tradutoras de acordo co establecido nesta orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2024, na epígrafe 476.1, edición de libros, ou 774, tradutores e intérpretes, do imposto de actividades económicas, de acordo co establecido na presente orde.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de xullo de 2024 (incluído).