AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Obxecto da convocatoria
A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, de tres prazas de investigador/a para persoas beneficiarias de bolsas do European Research Council (ERC): Synergy Grant (1 praza) e Consolidator Grant (dúas prazas), segundo se indica no anexo I.
Requisitos das persoas aspirantes
5.1. As persoas aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:
a) Estar en posesión dunha bolsa ERC Synergy Grant ou Consolidator Grant.
b) Ter a titulación de doutor/a ou equivalente.
c) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.
d) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.
e) Ter cumpridos os dezaseis anos.
f) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. As persoas aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.
g) Non atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvía no caso de persoal laboral, no que fose separado/a ou inhabilitado/a.
h) Dispoñer dun compromiso de acollida por parte dun organismo público de investigación de Galicia para que o/a investigador/a desenvolva a súa actividade nel. Neste compromiso, que deberá ser achegado pola persoa candidata, a institución de acollida comprometerase a asinar un convenio coa Axencia Galega de Innovación segundo establece o artigo 9 do Decreto 64/2016.
5.2. Os requisitos deberán cumprirse no momento da formalización do contrato.
Solicitudes e prazo de presentación
6.1. O prazo para presentar as solicitudes será de quince días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
6.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). No caso de persoas solicitantes estranxeiras, co fin de proceder á solicitude e trámites por medios electrónicos, designarán un representante con sinatura dixital en España. A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.
Esta convocatoria ten por destinatario o persoal investigador con bolsa ERC Synergy Grant ou Consolidator Grant. As bolsas ERC teñen como finalidade apoiar proxectos de investigación na fronteira do coñecemento de calquera temática, xa sexan do mesmo país ou de calquera país do mundo, sempre que desenvolvan o traballo nun ou varios dos Estados Membros da UE ou dos países asociados.
Polo tanto, de acordo co sinalado polo artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a obrigatoriedade da presentación electrónica de solicitudes xustifícase no colectivo ao que se dirixe: persoal investigador de recoñecido prestixio nacional e internacional con bolsas do European Research Council (ERC).