lunes, 13 de mayo de 2024

AXUDAS Á IMPLANTACIÓN DE MEDIDAS PARA O AVANCE NO CUMPRIMENTO DE CRITERIOS AMBIENTAIS, SOCIAIS E DE GOBERNANZA (ASG) NAS PEMES GALEGAS PARA 2024

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300F).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas pemes, cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desperdicios, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos; e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

Persoas beneficiarias
As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos aos empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, iniciarase o día hábil seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia desde as 8.00 horas e ata as 14.00 horas do día 15 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.