martes, 21 de mayo de 2024

BOLSA DE FORMACIÓN PRÁCTICA EN ESTUDOS RELACIONADOS CO DEREITO ADMINISTRATIVO

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca unha bolsa de formación práctica en estudos relacionados co dereito administrativo (código de procedemento PR770F).

Obxecto
1. Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria dunha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo (código de procedemento PR770F).
2. A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse desta bolsa quen reúna os seguintes requisitos no momento de terminar o prazo de presentación de solicitudes:
– Ter rematados os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2019 e acreditadas a titulación de licenciatura ou grao en Dereito ou en Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas.
– Non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se declarará de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo I.
– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa de acordo co disposto na base 20ª, calquera que fose esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, manifestar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación á EGAP, segundo o modelo que se inclúe como anexo I.
– Ter competencia en lingua galega no nivel de Celga 4 ou superior.
– Non ter gozado no último ano dunha bolsa da EGAP para a formación en estudos relacionados co dereito administrativo, excepto que gozase dela por un período de tempo non superior a un ano. Para estes efectos, non será computado o período en que a persoa interesada estivese na situación de incapacidade temporal durante o goce da bolsa. En tal sentido, tampouco poderán ser beneficiarias desta bolsa aquelas persoas que, sendo adxudicatarias desta mesma bolsa nunha convocatoria anterior, non se incorporasen ao centro de destino ou renunciasen a ela logo de iniciado o período de vixencia sen causa debidamente xustificada. Considérase xustificada a renuncia cando se deba á obtención doutra bolsa ou emprego incompatible con aquela.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes e documentación complementaria será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.