jueves, 30 de mayo de 2024

PROGRAMA CONECTA VOLUNTARIADO GALICIA

 CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta Voluntariado Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR930C).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta Voluntariado Galicia para o ano 2024, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o coñecemento da realidade galega dunha forma diferente e o encontro cos seus familiares (código de procedemento PR930C).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2024.
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán optar a este programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter, o 15.7.2024, unha idade comprendida entre os 21 e os 30 anos.
b) Non ter participado en ningún programa convocado pola Secretaría Xeral da Emigración.
c) Ter nacido en Galicia ou ser descendentes dunha persoa emigrante galega.
d) Posuír a nacionalidade española.
e) Ter a súa residencia habitual no estranxeiro.
f) Estar vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de 12 meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
g) Carecer de discapacidades que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.