CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN
Obxecto
Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2024 de subvencións para a contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para facilitar a mozas e mozos menores de 30 anos en situación de desemprego unha primeira experiencia profesional mediante contratos formativos (código de procedemento TR353C).
Persoas empregadoras e empresas beneficiarias
Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.
Gastos subvencionables
Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de:
– Contratos para a obtención da práctica profesional
– Contratos de formación en alternancia.
Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.
O período durante o que se teñen que producir os contratos formativos para que sexan subvencionables comprende desde o 1 de decembro de 2023 ata o 15 de outubro de 2024.
Presentación de solicitudes e prazo
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2024.