PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA
Obxecto
O obxecto desta resolución é establecer as bases dun programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro nos que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria e que se encontren en situación de precariedade económica. Están destinadas a cubriren as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.
Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as devanditas axudas para o ano 2023 (código de procedemento PR925A).
Persoas beneficiarias
1. As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos (coa excepción prevista para o caso das axudas por violencia de xénero) que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 9.
Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).
2. Os/as netos/as de persoas emigrantes galegas, con dezaoito (18) anos feitos, que teñan a condición de persoas galegas residentes no exterior, con nacionalidade española, que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no PERE e que acrediten un ano de residencia continuada en Galicia.
3. No caso de falecemento das persoas indicadas nos números 1 e 2, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias as seguintes:
a) Para as axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante, o/a seu/súa cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga de afectividade ou os/as fillos/as da persoa falecida, sempre e cando non transcorresen máis de quince meses desde o pasamento e a persoa falecida fose beneficiaria nalgunha das dúas últimas convocatorias deste programa.
b) Para as axudas por situacións de precariedade no seo da unidade familiar, un dos membros desa unidade familiar, sempre e cando o falecemento do solicitante se produza en data posterior ao día en que finalice o prazo para a presentación das solicitudes e anterior á formulación da proposta de resolución do programa polo órgano instrutor, e o solicite dentro dese período á Secretaría Xeral da Emigración, con indicación expresa do seu compromiso de asumir as obrigas dispostas nesta convocatoria para os beneficiarios.
4. Os/as fillos/as e netos/as de persoas emigrantes galegas deberán ter a nacionalidade española, cando menos, cun ano de antigüidade na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será de trinta (30) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.