martes, 14 de marzo de 2023

AXUDAS PARA MISIÓNS COMERCIAIS DAS GRANDES EMPRESAS

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para misións comerciais das grandes empresas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

Obxecto
Aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para favorecer o incremento da internacionalización das empresas galegas non pemes, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización.
O obxectivo principal destas bases é acadar a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.
As actuacións que engloban están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica, das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que superen os límites establecidos para a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187).
b) Que teñan domicilio social e algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) As beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser consideradas empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que aparece no punto 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para seren beneficiarias da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
e) Que cumpran a normativa de axudas de minimis, segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro); para as empresas do sector pesqueiro, no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e, para as empresas do sector agrícola, no Regulamento nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), e no Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019, que o modifica (DOUE L 51, do 22 de febreiro).
f) Que estean ao día en pagamentos debidos ás cámaras de Comercio, Industria e Navegación de que formen parte.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.