miércoles, 29 de marzo de 2023

PROGRAMA DE OBRADOIROS DE FOLCLORE, ARTESANÍA, COCIÑA GALEGA E SEMINARIOS DE CULTURA GALEGA EN ENTIDADES GALEGAS DO EXTERIOR 2023

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR923C).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, dirixido ás persoas asociadas galegas e á súa descendencia, así como a aqueloutras interesadas no feito cultural de Galicia que participen nas actividades destas asociacións (código de procedemento PR923C).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2023.

Entidades beneficiarias
1. Poderán optar á organización de obradoiros deste programa as entidades que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.
2. Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan constituídos grupos ou escolas de folclore da modalidade solicitada cun ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude.
3. Os obradoiros de artesanía están dirixidos ás entidades que teñan un taller cun ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude, en que veñan desenvolvendo esas actividades.
4. Os obradoiros de cociña galega e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.