viernes, 24 de marzo de 2023

CURSO DE FORMACIÓN ESPECÍFICA DE SOCORRISMO EN INSTALACIÓNS E ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2023 pola que se convocan catro edicións do Curso de formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia, destinado ás persoas interesadas no desenvolvemento do exercicio profesional do socorrismo.

Actividades formativas
As actividades formativas serán as que se especifican no anexo II desta resolución, no cal se indican tamén, de ser o caso, o número de edicións por curso, número de horas lectivas, número de prazas, datas de realización e horarios dos distintos cursos. As actividades formativas terán preferentemente horario de mañá e tarde.
Os cursos convocados realizaranse na Academia Galega de Seguridade Pública (r/ Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), sen prexuízo de que algunhas actividades formativas concretas ou módulos destas se poidan facer fóra das súas instalacións.
De ser o caso, as persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico de calquera outra información necesaria.

Contido das actividades formativas
O contido das diferentes actividades formativas convocadas por esta resolución pódese consultar na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.gal), na epígrafe «Formación de colectivos».

Destinatarios/as
Persoas interesadas no desenvolvemento do exercicio profesional de socorrismo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos de participación dos/das solicitantes
1. Requisitos xerais:
a) Persoas maiores de idade en posesión do título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria.
b) Non estar inscrito/a de forma definitiva na sección ou seccións correspondentes do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.
2. Proba específica:
Superar a proba específica «combinada con aletas», que constitúe o primeiro módulo formativo dos cursos convocados e que se regula na base novena desta convocatoria.
3. Requisitos físicos/psíquicos:
Os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.

Solicitudes
a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.
É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos/ás interesados/as.
b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderanse dirixir á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 38 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.
d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.
e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.
f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.
g) Se as solicitudes para participar nun curso non superan o 50 % das prazas convocadas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición será de sete (7) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderase completar o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.