INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2023, con financiamento plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) que, no momento de presentar a solicitude, teñan máis de dez anos de antigüidade e que non estean descualificados, así como os edificios de vivendas protexidas promovidos polo citado organismo nos cales o réxime de protección se extinguise nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes previsto na correspondente convocatoria de axudas, co obxecto de permitirlles accederen a estas axudas ás comunidades máis desfavorecidas.
Persoas beneficiarias
Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean incluídos no seu ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:
a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser así, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).
c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto da Resolución de bases, do 18 de novembro de 2021, e conforme a disposición orzamentaria existente.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.