martes, 7 de marzo de 2023

AXUDAS DO PLAN DE MISIÓNS COMERCIAIS DAS PEMES 2023

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan de misións comerciais das pemes 2023 susceptibles de ser cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IG422B), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IG422A), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Obxecto
Aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para o desenvolvemento e execución do Plan de misións comerciais das pemes, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.
O obxectivo principal deste plan é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores. As actuacións que engloban o Plan están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Beneficiarias
As empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.
b) Que teñan domicilio social e algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Os beneficiarios deberán contar con presenza nos medios dixitais internacionais e, como mínimo, cunha páxina web con versión en inglés.
e) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para seren beneficiarios da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
f) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014), e para as empresas do sector agrícola no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).
g) Que estean ao día nos pagamentos debidos ás cámaras.
h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo para poder optar á subvención, no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros do órgano de goberno, directivos ou xestores.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda (código de procedemento IG422B) iniciarase o día seguinte ao da finalización do prazo de adhesión das entidades colaboradoras e será dun mes, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. O prazo de adhesión das entidades colaboradoras será de 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IG422A).