viernes, 31 de marzo de 2023

AXUDAS Á VALORIZACIÓN E Á SEGUNDA TRANSFORMACIÓN DA INDUSTRIA FORESTAL GALEGA E DO CONTRACT

 AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva as axudas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

Obxecto
1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción vinculados á transformación da madeira e os seus derivados, resina, cortiza así como doutros produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade, a diversificación, ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou solucións, produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. Serán igualmente subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución que teñan como obxectivo a mellora da seguridade e saúde na contorna laboral das empresas da industria forestal e do contract.
2. Considéranse subvencionables as seguintes actuacións desagregadas por liñas estratéxicas:
Liña 1. Competitividade e valorización.
a) Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabamentos da madeira.
b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
c) Outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.
Liña 2. Mobiliario, contract e construción.
a) Compra de maquinaria nova vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos para a construción.
b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
c) Outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.
Liña 3. Mellora produtiva e desenvolvemento de novos produtos sustentables ou solucións a través de servizos de deseño, desenvolvemento e implementación de estratexias mediante a avaliación e análise de retos empresariais encamiñados a mellorar a produtividade dos procesos industriais, o desenvolvemento de novos produtos/solucións ou á diversificación a través de novos modelos de negocio, entre outros na:
a) Eco-construción. Construción sustentable e industrializada en madeira.
b) Fixación de cores. Madeira laminada con cores.
c) Novos produtos de madeira para clases de uso 3.1, 3.2, 4 e 5.
d) Sistemas para a mellora dos procesos de encolado, resistencia e comportamento ao lume.
e) Composites de madeira.
f) Biomoléculas de interese, medicamentos, encimas, alimentos de alto valor nutricional.
g) Acústica, combinando madeira con calquera outro material.
h) Valorización de subprodutos da industria forestal.
Liña 4. Certificacións, ensaios e informes.
a) Implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental.
b) Informes, servizos, bens, equipamentos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e ambientais, marcas de garantía rexistradas, marcas colectivas rexistradas ou implantación da marcación CE de produtos de orixe forestal e condicionados á obtención destes dentro do prazo de xustificación da axuda.
c) Ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado para a realización do ensaio.
Liña 5. Seguridade e saúde na contorna laboral.
a) Servizos para a implantación e certificación do estándar OHSAS 18001 (xestión da seguridade e saúde no traballo-SST).
b) Creación de servizos de prevención mancomunados (SPM).

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
2. Para a liña 5 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. En calquera caso, deberán desenvolver a súa actividade en Galicia.
3. As pequenas e medianas empresas, para acadar a condición de beneficiarias, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe do mesmo ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta polo importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria, modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).
b) Deberán ter vixente na data de publicación da convocatoria un seguro de responsabilidade civil para as actividades propias da industria forestal e do contract e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais.
As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que dispoñen do seguro de responsabilidade civil vixente e, no suposto de ser exixible, do contrato de prevención de riscos laborais.
c) Deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou ben deberán estar dados de alta nalgún código da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou dispor de calquera outro medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.