AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA
Obxecto e finalidade
Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de catorce (14) bolsas de formación práctica, en réxime de concorrencia competitiva, nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas en oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos), 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (Centro Internacional de Acollida ao Peregrino), 2 bolsas na Oficina de Turismo da Coruña, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Pontevedra, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Vigo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Lugo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Ourense (código de procedemento TU981A).
Beneficiarios/as
1. Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea.
b) Titulación: estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dalgún dos seguintes títulos: grao en Turismo; mestrado relacionado con turismo; técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turísticas; técnico superior en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos. Só serán válidos os títulos obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2018.
c) Idiomas:
c.1) Todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente.
c.2) Inglés: deberase achegar certificado B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas ou superior, ou acreditación oficial de nivel equivalente ao B1 ou superior. De consideralo necesario, a Comisión de Valoración poderá realizar unha proba oral para a comprobación do nivel de idioma.
2. En ningún caso poderán ser persoas beneficiarias desta bolsa aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídas da convocatoria aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias das bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas durante o seu desenvolvemento.
3. As persoas adxudicatarias, no momento da súa incorporación á bolsa, non poderán ser perceptoras de salarios ou outros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. As bolsas son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.