PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer subvencións ás empresas xornalísticas que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten, realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura, e efectuar a convocatoria para o ano 2023.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
Entidades beneficiarias
1. De acordo co establecido no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, as beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións que cumpran co obxecto destas axudas e co resto dos requisitos establecidos nesta resolución.
2. As empresas beneficiarias deben acreditar un cadro medio de traballadores en alta de polo menos cinco traballadores e elaborar e difundir toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da Comunidade Autónoma no ano natural anterior ao da convocatoria.
3. Quedan excluídas da concesión de axudas:
a) As empresas que emitan a través do sinal de televisión.
b) As entidades sen personalidade xurídica e/ou sen ánimo de lucro.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.