martes, 13 de junio de 2017

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE ASESORAMENTO E FORMACIÓN DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Finalidade
A finalidade destas axudas é a de contribuír á mellora da empregabilidade mediante a adquisición de habilidades e capacidades prelaborais das persoas con discapacidade maiores de 16 anos e cun nivel de discapacidade igual ou superior ao 33 %, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o desenvolvemento de proxectos que incidan nos seguintes ámbitos:
a) Promoverase o desenvolvemento da área persoal e social e/ou a área de formación básica e prelaboral.
b) Promoverase o desenvolvemento de accións previas que melloren as súas posibilidades de inserción laboral, como formación básica instrumental, formación para mellorar a autoestima e formación para mellorar as súas habilidades sociais en xeral.
Entidades beneficiarias
1. Confederacións e federacións cuxo obxecto social inclúa a promoción ou a realización de accións no eido das persoas con discapacidade e entidades de iniciativa social que, con análogo obxecto social, non se atopen asociadas nin federadas ás anteriores entidades de segundo nivel asociativo.
2. Confederacións e federacións referidas no parágrafo anterior que concorran conxuntamente con entidades de iniciativa social do seu ámbito federativo como agrupación de entidades, nos termos previstos polo artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Nos dous supostos anteriores, as persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas na área de persoas con discapacidade e na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais de Galicia.
b) Carecer de ánimo de lucro.
c) Teren o domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.
Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.
2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.