viernes, 16 de junio de 2017

SUBVENCIÓNS ÁS ENTIDADES PRIVADAS SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE CARÁCTER SOCIOSANITARIO

CONSELLERÍA DE SANIDADE


Obxecto
Establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario. Os devanditos programas están destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ao alcoholismo, alcoholismo e outras adiccións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson.
A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.
As actividades subvencionables desagréganse nas seguintes liñas de axuda:
Liña A. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas á ludopatía, ao alcoholismo e/ou ao alcoholismo e outras adiccións sen substancia:
a) Ludopatía:
Programas sociosanitarios de rehabilitación en persoas afectadas por ludopatía.
b) Alcoholismo e/ou alcoholismo e outras adiccións sen substancia:
1º. Programas sociosanitarios de apoio á abstinencia en persoas non sometidas a tratamento ambulatorio.
2º. Programas sociosanitarios de prevención de recaídas dirixidos a pacientes que estean en tratamento ambulatorio.
Liña B. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson:
1º. Programas de rehabilitación fisioterápica.
2º. Programas de rehabilitación logopédica.
3º. Programas de rehabilitación cognitiva.
4º. Programas de terapia ocupacional.
5º. Programas de apoio psicolóxico.
Entidades beneficiarias
Para seren beneficiaria das axudas publicadas nesta orde, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro cuxos fins estatutarios principais sexan a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os cales se solicita subvención: alcohol, alcohol e outras adiccións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson.
b) Estaren legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.
c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia; enténdese como tal a presenza física e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.
d) Ter un horario mínimo de atención ao público de 20 horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.
e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa implementación.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.