jueves, 22 de junio de 2017

AXUDAS PARA O FOMENTO DE CONTRATACIÓN DE TECNÓLOGOS

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN


 Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do programa Principia da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo dun ano de persoal para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.
Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2017 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN848C). As axudas concedidas ás empresas axustaranse, no marco da presente resolución, ao establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas:
a) As empresas con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia.
b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.