lunes, 26 de junio de 2017

AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS NIÑO

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade (código de procedemento BS403C).
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas para pór en marcha unha casa niño as persoas físicas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión ou contar, cando menos, cunha persoa socia, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a seguir ou equivalente, ou da formación ou experiencia seguintes:
1º. Técnico/a superior en educación infantil.
2º. Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.
3º. Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.
4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.
5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.
b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.
c) Contar cun inmoble nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.
d) Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
e) Establecerse como empresaria/o autónoma/o ou constituír unha cooperativa de traballo asociado.
f) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta revisión médica deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.