lunes, 12 de junio de 2017

AXUDAS PARA INVESTIMENTO NA MELLORA DE INFRAESTRUTURAS E EQUIPAMENTO DAS ESCOLAS INFANTÍS DE 0-3

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra do equipamento preciso, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada. Así mesmo, convócase esta axuda para o ano 2017.
Entidades beneficiarias
1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que as escolas para as que solicitan a axuda cumpran os seguintes requisitos:
a) Os establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro; no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia; no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como na normativa de desenvolvemento, se é o caso.
b) Aplicar unha tarifa de prezos axustada ao réxime de prezos públicos regulado polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.
A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con fondos estruturais e de investimento europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto.
2. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.